Conde avanza a creación dunha nova aula de formación no polo de Rozas

A Xunta reforzará a súa aposta pola industria aeronáutica cunha nova aula de formación en Rozas. Así o avanzaron os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, durante a visita que realizaron esta maña ao CIFP As Mercedes, en Lugo, centro que imparte o ciclo superior de Mantemento Aeromecánico.

O acondicionamento deste espazo, que contará cun aula de 60 metros cadrados, un laboratorio de 90 metros cadrados e un investimento de 80.000 euros, é froito do protocolo de colaboración entre ambas as dúas Consellerías e pretende potenciar as ensinanzas de Formación Profesional de Aeronáutica deste centro lucense. “Permitirá contacto directo e un traballo conxunto entre o aeródromo e o CIFP, abrindo oportunidades para mellorar a formación dual que se imparte”, destacou o conselleiro.

Este novo proxecto, tal e como sinalou Conde, é un paso máis na aposta pola industria aeroespacial, sector no que Galicia aspira a converterse nun referente. “O labor da Consellería de Educación é determinante para que o talento, que é o verdadeiro motor do polo aeroespacial de Galicia, poida seguir crecendo e abrindo oportunidades aos mozos e mozas galegos e ao alumnado deste centro”, sinalou Conde, quen lembrou que xunto con este ciclo superior, en Galicia tamén se imparte o Grao de Enxeñaría aeroespacial da Universidade de Vigo e o Máster en operación e enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados das Universidade de Vigo e Santiago.

Pola súa banda, Carmen Pomar, destacou a ampla oferta da Formación Profesional galega estreitamente vinculada coas demandas dos sectores produtivos da comunidade e coa propia evolución da sociedade. O ciclo de Mantemento Aeromecánico do CIFP As Mercedes é precisamente un exemplo da coordinación entre formación e tecido produtivo. “A calidade da formación e o seu elevado grao de inserción laboral, froito da colaboración coas empresas do complexo de Rozas, están a ser unha oportunidade única para poñer en valor unhas ensinanzas non xa de futuro, senón de presente”, subliñou a conselleira.

Desde o curso 2016/17 o CIFP As Mercedes é o único centro de Galicia que imparte o ciclo superior de Mantemento Aeromecánico, grazas á colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial ‘Esteban Terradas’ (INTA) e a empresa Actividades Aeronáuticas Lucenses.

Froito desta, os 18 alumnos titulados na primeira promoción deste ciclo superior recibiron formación conxunta nas instalacións do CIFP As Mercedes  no Aeródromo de Rozas (en Castro de Rei). Do total dos 14 módulos dos que consta o ciclo formativo, 6 foron no propio centro de FP e os outros 8 –incluído o de Formación en Centros de Traballo (FCT)- nas instalacións de INTA e de Actividades Aeronáuticas Lucenses.  No actual 2018/19 hai matriculados un total de 39 alumnos entre 1º e 2º curso.

A nova aula é unha das actuacións previstas en Rozas nos vindeiros meses e súmase á posta en marcha da primeira aceleradora aeroespacial –cuxa convocatoria está aberta ata o vindeiro 28 de febreiro- e que nas tres edicións previstas mobilizarán un mínimo de 4,75 millóns de euros para dar soporte a 19 empresas e crear 60 empregos directos; ou o parque industrial que se ubicará nas instalacións de Rozas e que, na súa primeira fase, contará cunha superficie de 31.400m2 e dispoñibilidade para 7 naves.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com