O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Monforte de Lemos na cuarta edición da cata do concurso Patrimonio Ribeira Sacra a capacidade do sector vitivinícola galego para innovar, internacionalizarse e mellorar a súa distribución e comercialización, ofrecendo viños excelentes.
Conde destacou que este sector é na actualidade estratéxico na Comunidade, representando a vocación internacional que ten a economía galega, poñendo como exemplo os viños da Ribeira Sacra, que chegan hoxe en día a países como Estados Unidos, Australia, Canadá, Francia, Noruega ou Xapón, conseguindo exportar en 2017 cinco veces máis que en 2014, con case 183.000 litros vendidos no estranxeiro.
Deste xeito, indicou que o vitivinícola é o sector agroindustrial máis exportador, vendendo xa a outros países preto do 20% da produción total das cinco denominacións de orixe e acadando un incremento das exportacións de viño dun 104% entre as campañas 2008/2009 e 2014/2015.
Conde, ademais, puxo en valor o equilibrio entre tradición e innovación e sinalou o apoio da Xunta a este ámbito a través de programas como o Galicia Exporta, co que o pasado ano e na convocatoria correspondente a 2017/2018 achegouse ao sector máis de 720.000 euros en axudas, das que se beneficiaron máis de 30 adegas e organismos intermedios (tres deles da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, cun volume de axudas de case 126.000 euros). Para impulsar a modernización do sector, estase, ademais, mobilizando 9,5 millóns de euros en apoios para as empresas que queiran innovar nos seus procesos de produción.