O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da empresa Centum, unha das participantes nos proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia. Conde subliñou que a Comunidade está preparada para afrontar novos retos na industria aeroespacial grazas á Estratexia 2025, pero tamén ao talento de compañías como Centum.
“É un caso de éxito do programa aeronáutico que estamos realizando en Galicia e amosa como unha peme é quen de poder desenvolver a súa actividade nun sector tan competitivo, tecnolóxico e innovador como este”, apuntou o vicepresidente económico.
Así, a empresa participou no sistema de xeolocalización Lifeseeker, o primeiro produto aeronáutico desenvolvido en Galicia que obtivo un certificado da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) para a súa implantación por parte de Airbus Helicopters. Ademais, en 2021 conseguiu contratos coa Axencia de Seguridade Marítima Europea e coas Forzas Aéreas canadienses. O pasado ano a compañía contou con ingresos superiores a 2019 (1,9M€), retivo talento e ampliou persoal ata contar con 28 traballadores e puido reactivar proxectos e abrirse ao mercado italiano.
Conde destacou que Centum está chamada a converterse nun referente na venda de produtos para o ámbito das emerxencias, a seguridade e a defensa e amosou a súa disposición a seguir contando coa súa colaboración no Polo Aeroespacial de Galicia. Unha iniciativa que conta cunha folla de ruta ata 2025 na que se pretende consolidar o tecido industrial ao redor desta industria e facilitar a comercialización e internacionalización de novos produtos e tecnoloxías. Para conseguilo xa están comprometidos 70M€, unha cifra de mobilización que pode chegar aos 540M€ se o Goberno apoia o Polo como proxecto tractor a través dos fondos europeos Next Generation.
O vicepresidente económico lembrou, ademais, que a partir de mañá Galicia acolle a sexta edición de Unvex, o maior encontro en España sobre o sector dos vehículos aéreos non tripulados que por primeira vez se celebra na nosa Comunidade.