Conde salienta a formación e a innovación como claves para impulsar a creación de emprego na Industria Forestal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Lugo a importancia de apoiar a formación e a innovación na industria forestal para que se cree emprego cualificado e, deste xeito, se poida dar resposta ás necesidades do tecido produtivo, que neste ámbito representa o 1,8% do PIB galego e o 12% do emprego.

Conde puxo en valor a capacidade que ten este sector para seguir xerando valor industrial en termos de produto diferenciado na primeira e segunda transformación na clausura das xornadas sobre formación na industria forestal, onde explicou tamén a planificación que a Xunta está a executar en materia de cualificación.

Así, indicou que a Estratexia de formación da industria forestal, consensuada coas asociacións representativas do ámbito forestal galego, prevé impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais nos próximos dous anos e medio cunha oferta formativa á medida do que neste momento precisan as empresas. No marco desta folla de ruta, Conde expuxo que en próximas semanas convocaranse axudas que permitirán desenvolver 14 xornadas formativas e diferentes actuacións de divulgación que chegarán a máis de 600 persoas.

A dixitalización da industria, segundo apuntou o conselleiro, trae consigo novas ferramentas de traballo e novos perfís profesionais, polo que subliñou que o reto da Xunta é axudar ás empresas de toda a cadea produtiva a modernizarse, poñendo o foco na formación dos seus profesionais para que esta industria poida estar ao día das novas tendencias do mercado.

Do que se trata, en palabras de Conde, é de dar resposta á industria no eido das novas tecnoloxías apoiando, ademais, a súa modernización, innovación e internacionalización co obxectivo final de seguir xerando emprego de calidade vinculado ao medio rural.

No eido da modernización, o titular de Economía avanzou que a Administración Autonómica vén de resolver novas axudas que favorecerán a realización de investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento e comercialización de produtos, cos que se mobilizarán proxectos por valor de 27,5 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com