Conde salienta en Chantada o potencial do rural galego para xerar emprego e industria

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o parque industrial de Chantada e a empresa Daveiga, aos que se referiu como dous exemplos das capacidades instaladas en Galicia para xerar emprego e riqueza no rural.

O vicepresidente económico achegouse ao polígono industrial dos Acivros para supervisar as obras que se acometeron nos últimos meses por 1,1M€ e nas que contou co apoio da Xunta, que achega máis do 80 por cento (884.000 euros): a mellora da subministración eléctrica e a ampliación da EDAR, para contribuír, así, á chegada de novas empresas.

Son actuacións que a Xunta leva apoiado a través das liñas de axuda para a mellora dos parques empresariais de Galicia, consciente de que é clave para favorecer a actividade das empresas asentadas e das que buscan instalarse nunha área industrial que responda ás súas necesidades.

Nese sentido, este ano son máis de 8M€ os que a Administración autonómica destina en toda Galicia para modernizar as infraestruturas dos polígonos empresariais galegos, tanto viarias como de xestión de residuos, depuración de augas ou sistemas de vixilancia e antiincendios (3,2M€). Tamén para apoiar a construción, a reforma ou o equipamento de naves nas cales se vaian implantar viveiros industriais (1,5M€). E para desenvolver melloras enerxéticas (3,6M€), como o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica; ou, como novidade este ano, para a instalación de servizos de subministración de gas e hidróxeno.

Trátase de tres liñas axudas, que se convocarán o vindeiro 26 de xaneiro, para impulsar a competitividade económica dos concellos galegos que contribúen a captar novos investimentos cara o tecido produtivo. Desde a súa posta en marcha, permitiron impulsar 690 proxectos de mellora e modernización de infraestruturas, viveiros industriais e
proxectos de redes de distribución.

No polígono dos Acivros, o vicepresidente económico tamén tivo ocasión de visitar a empresa Daveiga, especializada na produción das recoñecidas galletas mariñeiras —das que elabora cada día 4000 quilos— e que está a ampliar as súas instalacións en máis de 5.000m². Conde cualificouna como unha empresa comprometida coa calidade, os traballadores e o territorio á que a Xunta leva apoiado no seu proceso de dixitalización e internacionalización.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com