Condenado a 17 anos de prisión o home que matou a seu pai en Monterroso

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 17 anos de cárcere, como autor dun delito de homicidio, o home que en marzo de 2018 matou a golpes ao seu pai, de 79 anos, en Monterroso. A Audiencia, que tivo en conta a agravante de parentesco, tamén lle impuxo cinco anos de liberdade vixiada e o pagamento dunha indemnización de 2.500 euros ao seu fillo, neto do falecido, polo dano moral que lle causou.

O presidente do tribunal indica na sentenza que o xurado considerou probado que o acusado lle propinou á vítima patadas e puñadas “de forma voluntaria e sendo consciente de que tales golpes lle podían causar a morte”. O condenado, segundo a resolución, pegoulle ao seu pai “un número indeterminado, pero considerable, de patadas na cabeza, cando xa estaba no chan”. O tribunal do xurado basea estas conclusións nas probas practicadas e, en particular, no testemuño do médico forense, quen excluíu a posibilidade de que o falecido recibise un golpe fortuíto illado, como indicou o acusado.

O xurado chegou á convicción de que o sospeitoso carecía de intención previa de acabar coa vida do seu pai, pero considerou que debía de ser consciente de que propinándolle golpes cos puños e dándolle patadas en todo o corpo e na cabeza podía matalo. Ademais, tivo en conta o testemuño da psicóloga do Imelga para considerar acreditado que o condenado, no momento dos feitos, era “consciente dos seus actos”, a pesar de que inxerira alcohol.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com