O xulgado do Social número 3 de Lugo vén de emitir unha sentenza pola que condena á Consellería do Medio Rural a facer fronte a unha cuantiosa sanción pola ausencia de medidas de prevención na extinción dun incendio no Concello de Guntín no ano 2015 que lle custou a vida ao axente forestal, Enrique Casanova.
O xulgado considera que a Consellería “non actuou de forma dilixente” na protección da saúde deste traballador que faleceu dun infarto cando acudía ao aviso dun lume. Cómpre lembrar que os axentes forestais traballan en solitario o que impide, tal e como se subliña na sentenza, unha asistencia inmediata “que é vital en casos como os dun infarto”. A resolución destaca tamén o feito de que Enrique Casanova xa sufrira anos atrás unha cardiopatía, polo que tiña solicitado á Administración pasar a unha segunda actividade, atendendo ás recomendacións médicas e dado o estrés e as situacións de risco ás que se ven expostos estes traballadores.
Porén, a Consellería do Medio Rural nin atendeu a súa petición nin lle fixo tampouco os recoñecementos médicos periódicos obrigatorios -e específicos na súa condición de especial sensibilidade-, malia telos solicitado o propio axente. Agora o xulgado recoñece a responsabilidade da Xunta neste accidente, incidindo en que “non se pode considerar que a Consellería actuara de forma dilixente na protección da saúde do traballador”.
A raíz deste suceso, a CIG demandou unha investigación para aclarar os feitos e presentou denuncia na Inspección de Traballo, que emitiu varios requirimentos e advertencias a Medio Rural para a mellora das medidas preventivas na extinción dos incendios forestais e a salvagarda da seguridade e a saúde dos traballadores que participan nestas tarefas.
Disto hai xa case catro ano e, non obstante, neste tempo a Consellería non adoptou ningún tipo de medida para garantir a seguridade do seu persoal. “A día de hoxe non temos plan de prevención, nin protocolos adecuados de evacuación nos incendios”, denuncia a secretaria da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos. Neste senso, explica que o pasado venres houbo un accidente no lume do Boiro, pero como a ambulancia non conseguiu chegar até o lugar, “houbo que improvisar no momento como trasladar a persoa ferida”.
A CIG leva anos demandando da Consellería do Medio Rural a implantación de plans e protocolos para afrontar este tipo de situacións de risco, que no caso de Enrique Casanova foi especialmente relevante ante a “evacuación desastrosa” (así cualifica o informe da Inspección) que se produciu. De igual xeito, a central sindical reclama que se evite o illamento do persoal que participa nos incendios e que, como mínimo, se traballe en parella e non en soidade como ocorre cos axentes forestais, condutores de motobomba ou persoal técnico.
Doutra banda, a CIG pide que se dispoña de servizos sanitarios desprazados nos incendios forestais para garantir unha rápida e eficaz asistencia médica. E por suposto, que se cumpra coa avaliación de riscos e se teña en conta a saúde do persoal en relación co posto que desempeña, contemplando unha segunda actividade para aqueles traballadores e traballadoras con antecedentes de saúde incompatíbeis cos labores de extinción.