Confinado na aldea

De estudante, en Vilalba, sorprendeume saber que Frei Antonio de Guevara, bispo de Mondoñedo a mediados do XVI, escribira un “Menosprecio de la corte y alabanza de la aldea”. Especial sorpresa porque corrían os anos sesenta, nos que a vida en cidades e pobos se valoraba especialmente e a das aldeas menosprezábase como se non tivesen máis futuro ca a emigración, como así sucedeu.

Confinado no rural, teño que darlle a razón cinco séculos despois ao frade-bispo da diocese á que aquí pertenzo, porque a mesma aldea favorece o illamento, sen as limitacións doutrora para unha existencia tan vital coma na cidade.

Ao lado da casa, pasa ás once e media da mañá o panadeiro, que avisa con pitadas repetidas da súa presencia. O condutor -mascarilla e guantes- presta un impecable servizo, o mesmo que outro par de panaderías que percorren as parroquias de Begonte. Unha distribuidora vilalbesa, martes e venres pasa á beira da casa e, sabendo que a agardamos, a condutora abre o portón traseiro do seu furgón e aparece un supermercado en pequeno onde leva practicamente de todo: froitas, verduras, conservas, pan, patacas…

As vías de comunicacións son impecables, as posibilidades de exercicio físico excelentes…Só a cobertura telefónica é problemática, e Internet vai a empuxóns. Pero nada hai perfecto. Aquí levo máis dun mes…e se xa era un convencido das bondades do rural, a vivencia deste peche interminable faime dar a razón ao bispo mindoniense que no 1539 avogaba pola vida rural, preludiando a Frei Luis de León e a “descansada vida” do que foxe do mundanal ruído. Tiñan, teñen, moitísima razón.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com