Confirmado pola Confederación a ADEGA, “o caneiro non é do Clube Fluvial de Lugo”

A Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS), vén de comunicar a ADEGA-Lugo, que o caneiro que conecta o Clube Fluvial coa Fábrica da Luz, está vinculado á central hidroeléctrica en desuso e non á entidade deportiva, asegurou esta mañá a organización ecoloxista.

Nun comunicado recibido o pasado día 15 de decembro, a CHMS respondía á solicitude presentada por ADEGA-Lugo sobre a concesión e titularidade do caneiro que conecta a fábrica da luz co Clube Fluvial, indicando que “o devandito caneiro é unha infraestrutura que se atopa vinculada e incluída na Concesión de aproveitamento de auga do río Miño, en Castro Romay, Saamasas, concello de Lugo (Lugo), con destino á produción de enerxía eléctrica. Central da Fábrica da Luz”.

Esta información contradí o establecido no Proxecto para a renovación da concesión e legalización das instalacións existentes no Clube Fluvial de Lugo, no que se indicaba que o caneiro ou dique que delimita a zona de baño, e que conecta as instalacións da entidade deportiva coa fábrica da luz, formaba parte das instalacións do Clube Fluvial, porén revisando as fichas do PXOM de Lugo, o caneiro figura de titularidade pública e non privada, ao que hai que engadir a resposta por parte da CHMS.

O caneiro xa non presenta as denominadas “bocas”abertas, agora son máis pequenas, e as comportas están pechadas por completo e son xestionadas pola entidade deportiva. Recubriron as lousas de pedra da “espiga ou espigón, impermeabilizando aínda máis o caneiro, e polo tanto, sen permitir o fluxo de auga, sedimento e fauna como as construcións tradicionais, convertendo o caneiro nunha presa para uso recreativo dentro da Rede Natura”. É importante lembrar os episodios producidos durante o verán, coa aparición de troitas mortas á altura da fábrica da luz, debido á “falta de caudal e ás altas temperaturas, mentres se mantiña o nivel na zona de baño1.

Segundo ADEGA ”O Clube Fluvial modificou esta infraestrutura ao longo do tempo, realizando obras e cambiando por completo a morfoloxía da construción tradicional. Para tales obras non se solicitou autorización nin á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pese a estar localizado en Rede Natura, tal e como se recolle na comunicación emitida polo Servizo de Patrimonio Natural recibida o 3 de outubro , nin previsibelmente á CHMS. O Organismo de Bacía xunto coa DX de Patrimonio Natural son responsábeis de garantir o bo estado das augas, o caudal ecolóxico e o paso de fauna. O Clube Fluvial leva realizadas actuacións no caneiro que prexudican o bo estado do río en Plena Rede Natura sen pedir as autorizacións pertinentes, e apropiándose dun ben público. A CHMS non pode consentir este tipo de actuacións, e polo tanto instamos a que e non autorice a renovación da concesión e legalización das instalacións do Clube Fluvial”

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com