O Sindicato Labrego Galego celebrou a pasada fin de semana, en Guitiriz, o seu Congreso de Vacún de Carne, no que ademais de elixir unha dirección sectorial, nomeou a un gandeiro e unha gandeira como responsábel e vicerresponsábel deste sector na organización agraria: Lois Varela Carreira, d’A Conguada (Carteire, Palas de Rei) e Inés Casabella Requeijo, de Fanoi (Abadín). Ambos darán relevo ao seu predecesor e predecesora: Xosé Luís López Galán (Pedrafita do Cebreiro) e Mercedes Alonso (Cotobade). Ademais dunha dirección sectorial, no Congreso do SLG tamén se elixiu un grupo de traballo que se encargará da axenda deste sector no día a día Sindicato Labrego Galego.
Polo demais , o Congreso de Vacún de Carne do SLG serviu para que a afiliación debatese sobre os principais problemas e desafíos aos que se enfronta este sector. En certo modo, os debates, ademais do relatorio congresual, serviron para bosquexar a axenda do grupo de traballo. Cuestións como os prezos, a comercialización, a IXP Tenreira Galega, a fauna salvaxe, as axudas da PAC, o acceso á terra ou os servizos públicos no rural suscitaron os principais diálogos.
En cuestión de prezos, segundo o SLG, os valores seguen a estar moi baixos, na contorna dos 4’40 e os 4’60 € por quilo, cotizacións máximas de 4’90 € para gando ecolóxico. Só na venda directa a carnicerías se alcanzan os 5 € por quilo. No Congreso, analizáronse experiencias de venda directa a clientes que son moito máis rendíbeis; pero, máis alá delas, os gandeiros e gandeiras criticaron feitos que inflúen negativamente nos ingresos das granxas, como que aínda non exista ningún tipo de inspección oficial que evite a fraude nas pesadas dos matadoiros ou a venda enganosa de carne foránea sacrificada en Galiza coma se fose de aquí. Outra queixa, esta centrada na IXP Tenreira Galega, é que segue sen promoverse debidamente a carne de Suprema, que é a que dá prestixio á denominación en beneficio da carne de cebadeiros e explotacións intensivas, que seguen a comercializar baixo o paraugas de calidade da IXP.
Unha vía para mellorar a rendibilidade das producións é a aposta pola calidade, pero moitas granxas se topan de fronte coa imposibilidade de aumentar a base territorial para criar gando con alimentación natural en base a pasteiros e forraxes, por mor,entre outras, “da forestación ilegal en terras agrarias e o caos territorial son un hándicap consentido e mesmo favorecido por unha Xunta de Galicia que mira cara a outra banda e que nin sequera é quen de xestionar eficazmente ferramentas que poderían ser de grande utilidade como o Banco de Terras”.