A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o mes do entroido na Biblioteca Nodal dedicando a mostra bibliográfica da sala infantil a esta festa e organizando un obradoiro sobre o tema orientado a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.
A mostra permanecerá aberta durante todo o mes; o obradoiro celebrarase o venres día 24, a partir das seis da tarde, e servirá para explicar aos cativos a orixe do entroido e para que cada participante realice manualidades utilizando diferentes tipos de materiais, texturas e cores para expresar a súa delicia neste período de entroido. Será impartido polo grupo Asemblearias Lucus Augusti.
A programación infantil do mes de febreiro comeza mañá cos Contos pequeniños para nenas e nenos pequeniños, de Fátima Fernández, dirixido aos máis cativos, de ata 3 anos. Tamén para este tramo de idade está orientada a actividade do venres 17, Ollo, piollo, que correrá a cargo de Chus Álvarez.
O venres 10 chegará á Biblioteca Ana Carreira e os Contos do tres eran tres, para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Os contacontos comezan ás seis da tarde na ludoteca.
O centro propón tamén un espectáculo teatral no salón de actos. O xoves día 23, a partir das seis da tarde, a asociación de teatro da Universidade do Minho, en Braga -Teatro Universitário do Minho- presenta o espectáculo O Manual dá Felicidade, do que é director artístico João Negreiros, escritor, actor e director portugués.
Durante este mes, a Biblioteca Nodal alberga outras mostras bibliográficas. Así, na sala de préstamo expón material sobre o180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, e no vestíbulo haberá dúas exposicións: na primeira quincena O máis prestado do 2016, e a partir do día 16 Este febreiro insinúao cun libro? “Non ser amado é unha simple desventura. A verdadeira desgraza é non saber amar”. Albert Camus.