A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá máis de medio millón de euros en distintas obras de mellora e novos equipamentos segundo a programación de actuacións previstas e aprobadas para este ano no Centro de Formación Ocupacional de Lugo, emprazado en Montirón.
Así o avanzou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita ás instalacións, onde puido saudar ao alumnado e profesorado dos cursos que alí se imparten e ao cadro de persoal do centro. As principais actuacións consistirán na renovación da cuberta e substitución de carpinterías, e na subministración de equipamentos para os distintos obradoiros, en particular, un láser escáner e sete novas máquinas de soldadura.
Ao longo deste ano as instalacións do centro acolleron seis cursos, especialmente dirixidos a persoas en situación de desemprego, ás que se lles ofrece unha oportunidade de adquirir novas habilidades profesionais máis axustadas ás circunstancias actuais do mercado de traballo.