A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia cede á Asociación de Persoas con Parálise Cerebral (Aspace) de Lugo o uso dun local de máis de 110 metros cadrados de superficie, situado na rúa Alfredo Brañas.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza coa presidenta da asociación, María Carmen Bermúdez Lodeiro, para explicarlle os termos da cesión e asinar a acta de ocupación.
O local é propiedade da Consellería e está situado no número 1 da citada rúa, xusto ao carón das instalacións que posúe Aspace na cidade. O colectivo solicitou o uso deste baixo para poder ofertar aos seus socios un ximnasio neurolóxico onde se levarían a cabo actividades prácticas para a rehabilitación.
No mesmo lugar, teñen intención de crear un “espazo multisensorial” e desenvolver actividades lúdicas como obradoiros artísticos, pintura, teatro ou marionetas, entre outras. O baixo conta con entrada directa dende a rúa e é de fácil acceso para os socios de Aspace. Ademais, apenas require intervencións para acoller as actividades previstas, de xeito que o colectivo non prevé executar obras nin incluír instalacións fixas.
O delegado territorial gabou o labor que realiza a asociación pola promoción, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades das persoas con parálise cerebral. Aspace é unha asociación sen ánimo de lucro e as actividades programadas no local que cede a Consellería serán exclusivamente para uso e disfrute dos socios, sen ningunha utilidade económica.