O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este venres a primeira xuntanza de traballo da Executiva do partido elixida no IV Congreso Provincial celebrado o pasado domingo. Na reunión quedou constituída a propia Comisión, que, seguidamente, acordou a proposta da Comisión de Listas para a súa aprobación no Comité Provincial, estableceuse o baremo para a elección dos membros do Comité Provincial por parte das agrupacións locais e deuse conta da documentación que se remitirá ás agrupacións para o proceso de renovación das Comisións Executivas municipais, que deberá estar concluído o día 7 de marzo.
José Tomé subliñou que a Executiva arranca desta forma o seu traballo para cumprir “coas liñas de acción que temos marcadas e darlle un novo impulso ó Partido Socialista na provincia co obxectivo de ampliar a representación institucional nas próximas eleccións municipais e, desta forma, seguir mellorando a nosa provincia e a vida dos nosos veciños e veciñas”.