Este xoves quedou constituída no Concello unha mesa de traballo co obxecto de buscar solucións que revitalicen o barrio da Residencia, en cumprimento dun acordo plenario aprobado por unanimidade na sesión do pasado 30 de xullo. A comisión, presidida polo voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, estará formada por todos os grupos municipais: Cristina Pérez Herraiz, como secretaria deste órgano, Rubén Arroxo, Antonio Ameijide, Carlos Portomeñe e Olga Louzao.
Ademais, invitarase a participar neste órgano á Asociación de Veciños e Comerciantes do barrio da Residencia e aos directores das ANPAs e directores dos colexios Casás e Menéndez Pelayo e do instituto Leiras Pulpeiro. Solicitarase así mesmo ao SERGAS unha visita ás instalacións do antigo Xeral.
O acto, celebrado esta tarde no Salón de Plenos do Concello, serviu “para establecer as bases de constitución desta Comisión, que se reunirá o vindeiro 5 de novembro, ás 17.00 horas, explicou Miguel Fernández.
Esta comisión pretende estudar as solucións posibles para dotar de novos servizos ao Antigo Hospital Xeral, que servía como motor dinamizador deste barrio de Lugo, onde reside entorno a un 15% da poboación lucense ata o ano 2011, momento no que inaugurouse o HULA e non dotar de novos servizos a esta zona.
A pesar de que se prometeu no seu día situar un centro de saúde propio para o barrio da Residencia para os máis de 2.500 veciños da zona, situar un Punto de Atención Continuada, levar o Laboratorio de Referencia, que afincaron na rúa Montevideo, e desdobrar o centro da Milagrosa, que atende a uns 35.000 pacientes nun espazo reducido e desfasado en prestaciónes, o certo é que de momento non hai nada claro.
“A dotación de servizos do Vello Xeral non é un capricho, é cumprir cos veciños”, asegurou o voceiro, “A ausencia destes servizos básicos obriga aos veciños da zona a desprazarse a outros centros médicos para poder ser atendidos, centros como o ambulatorio da rúa Río Ser, saturado e como o PAC de Fingoi, que resulta claramente insuficiente para dar resposta ás demandas de toda a cidade de Lugo”, asegurou Fernández.
De feito, os médicos do centro de Fingoi solicitaron por escrito a necesdiades imperativa de reforzos no perosal. “Contar cun segundo PAC en Lugo axudaría a aliviar a carga de asistencia deste centro e redundaría nunha menor confluencia de pacientes nas urxencias do HULA”, indicou.