Continúa a folga das traballadoras de limpeza en prol dun convenvenio que aseguran “é dos máis baixos de toda Galiza”. Despois de dúas semanas de parón, esta mañá tomaron a Praza Maior de Lugo para reivindicar unha mellora dos salarios tirando fregonas ao chan. “O salario anual dunha limpadora está 1800 euros por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, e ademais este é un sector altamente feminizado e con moita parcialidade, o que agrava a precariedade laboral”, explica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos.
Dende a CIG afirman que os efectos de dúas semanas sen servizos de limpeza en moitos espazos públicos e privados xa se está a notar, pero a pesar de todo a patronal, a asociación estatal ASPEL, ten paralizadas as negociacións. Como resposta, Castiñeira pide a todos os traballadores que non asuman labores de limpeza que non lles corresponden para presionar máis, se cabe, á patronal. “Con isto o único que están facendo é vulnerar os dereitos fundamentais das compañeiras, que levan unha semana en folga perdendo o seu salario para sacar adiante este convenio”, afirma Castiñeira, que ademais anuncia que a folga se materá de forma indefinida.
Trala protesta convocouse para mañá un novo acto de protesta que consistirá nunha caravana de vehículos por toda a capital lucense, e que partirá dende o edificio sindical da Ronda da Muralla a partir das 11.30 horas.