O BNG reactivou en Lugo, trala volta do verán a campaña para lograr a creación dun Xulgado Específico de Violencia de Xénero. Despois de ter presentado iniciativas nas diferentes institucións e dunha intensa campaña de recollida de sinaturas, a edil da agrupación, Maite Ferreiro anunciou que “continuaremos traballando, porque a violencia contra as mulleres non para, e contar cun Xulgado Específico significa ter persoal formado e especializado para abordar os casos que chegan á vía xudicial”.
O Xulgado Específico de Violencia de Xénero terá que dar atención, segundo explica a nacionalista, a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. A proposta que defenden os nacionalistas suporía comarcalizar o servizo e que o Xulgado acollese todos os casos que se produzan en Lugo, sendo atendidos por profesionais especializados e con formación na materia .
Neste momento, non existe unha quenda específica de turno de oficio con profesionais para atender este tipo de casos, e unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo.
A edil do BNG lembrou que o Goberno Municipal ten pendente de executar acordos tomados no Foro de Igualdade como a eliminación da publicidade sexista ou a xuntanza da Mesa Técnica de Coordinación para a atención a vítimas de violencia de xénero. Maite Ferreiro precisou que “esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial”. A edil nacionalista lembrou as “disparatadas” cifras dos casos de violencia de xénero.