Lugo continúa a amosar bos datos no tocante ao paso da terceira vaga da Covid pola provincia. No último informe do SERGAS, con datos recompilados ata as 18 horas do día de onte, revélase un novo descenso dos tres baremos principais.
As infeccións activas acadan as 748, 19 menos que na xornada anterior. Do mesmo xeito, descende tamén o número de positivos detectados en 24 horas con só 25 novos casos, son 5 menos dos detectados na xornada do luns e 11 menos que os detectados o domingo. Unha mellora notable nun baremo que permaneceu estable un longo tempo e que tende a empeorar hacia os finais da semana.
O último baremo que mellora e que supón ademáis, por si só, unha boa nova é a presión asistencial. A provincia conta cun total de 53 persoas en centros hospitalarios dos cales 16 continúan na UCI do HULA, a única con casos covid e que restou na última xornada 3 pacientes.
En canto ás plantas convencionais, por hospitais, o Lucus Augusti conta hoxe con 28 pacientes covid, polos 5 da Mariña, os 3 de Monforte e un paciente que permanece ingresado no Hospital Polusa.
A única mala nova a este respecto no día de hoxe foi a notificación, nas últimas horas dun falecemento. Trátase dunha muller de 85 anos que perdía a vida o pasado luns no Hospital de Monforte.
Asemade, dende o inicio da pandemia, o pasado mes de marzo, na nosa provincia superaron o virus 10.664 persoas.
E precisamente, para estes pacientes curados, a Xunta vén de anunciar a creación de unidades postcovid para realizar o seguimento dos efectos secundarios que poidan ter o virus no corpo humano. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia onte no Parlamento Galego.
Asemade, hoxe, no Diario Oficial de Galicia, xa veñen publicadas as medidas de desescalada que anunciou o luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e que entrarán en vigor este venres.