A Consellería de Política Social mantén aberto o prazo de inscrición nos minicampamentos que se celebrarán a partir da vindeira semana en Monforte de Lemos e Cervantes.
Esta proposta está dirixida a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. Os minicampamentos desenvolveranse en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres.
Na provincia de Lugo ofértanse 31 prazas vacantes para participar no “Eco-verán en Monforte”, distribuídas en tres quendas nas semanas do 20 e 27 de xullo e do 3 de agosto. Entre as actividades propostas figuran a visita ao miradoiro xeolóxico do pregramento tumbado de Leixazós e Campodola, ao Museo xeolóxico de Quiroga, ou a ruta ambiental dende Vilamor a Froxán, así como a práctica de kaiak e padel surf no río Miño, entre outras. Os participantes aloxaranse no hotel Condes de Lemos, na Praza da Estación.
Cervantes acollerá o minicampamento “Aventura na montaña”, que ofrece catro prazas na quenda do 24 de agosto. Inclúe actividades de montañismo, xeorientación, xogo de rastrexo baseado na flora e fauna da zona, obradoiro de identificación de pegadas de animais na Reserva Natural e xogos de probas. Os rapaces estarán aloxados no Hotel Piornedo, en Donís.
Este programa, de carácter lúdico e formativo, oferta en total 533 prazas distribuídas entre 14 programas e instalacións en Galicia. O seu obxectivo é apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas, ao mesmo tempo que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, así como o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.
Os minicampamentos que se inclúen nesta proposta pódense consultar na páxina web de Xuventude.