O virus comeza a remitir na provincia. Logo dunha fin de semana de descensos, hoxe se nos presentan unhas cifras sustancialmente diferentes ás das últimas semanas. O descenso significativo no número de contaxios súmase ás numerosas altas o que deixa a cifra de infeccións activas a niveis semellantes aos do pasado 25 de xaneiro, cun total de 1767 casos activos.
É significativa tamén a cifra de contaxios detectados na última xornada con 50 positivos novos, moi por baixo dos 92 que se rexistraban o pasado luns ou dos 102, por exemplo, do xoves.
Con todo, este descenso, como dicíamos, hai que achacalo tamén ao gran número de altas médicas, en total dende o venres, preto de 500 persoas superaron a enfermidade. O que non é suficiente para rebaixar a presión asistencial que continuou en aumento esta fin de semana.
Así, no día de hoxe, rexístranse un total de 68 pacientes covid en plantas de hospitalización e 29 nas unidades de críticos.
Por hospitais, o HULA conta con 43 enfermos en planta e 27 na UCI, o Hospital da Mariña rexistra seis pacientes en planta e dous na unidade de críticos. Pola súa banda, o Hospital de Monforte non rexistra infectados covid en UCI pero si conta con 19 pacientes en planta de hospitalización.
Por último, durante a fin de semana o SERGAS notificou ademáis varios falecemento. En total na provincia foron 203 as mortes causadas polo virus, aínda que o SERGAS tan só rexistra 182 porque non contabiliza na provincia a aqueles lugueses que morreron noutras provincias logo de seren trasladados.
Con todo dende o sábado faleceron na provincia un home de 88 anos e outro de 87 procedentes da residencia de Sarria, ambos finaban no Hospital Lucus Augusti. O domingo á tarde finaba tamén no HULA unha muller de 92 anos e, na madrugada do sábado ao domingo falecía un home de 102 anos de idade e outro de 88 no xeriátrico de Sarria.