Continúa nas rúas de Lugo ‘Xogamos pola Igualdade’

A campaña que fomenta no Nadal os xogos e xoguetes non sexistas, impulsada polo Executivo de Lara Méndez, a través da área de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, continúa nas rúas co obxectivo de concienciar á cidadanía e promover a igualdade de oportunidades dende idades temperás para que as nenas e nenos poidan decidir sobre os xogos e xoguetes que máis lles gustan sen que a súa elección teña connotacións de xénero.

Esta iniciativa, que se recuperou a mediados do pasado mes, céntrase en apelar á responsabilidade das familias á hora de escoller os regalos para as crianzas a través da difusión da guía Xogamos pola Igualdade. A Casa da Muller do Concello de Lugo editou esta publicación, que recolle 10 claves ou aspectos a ter en conta para unha elección libre de prexuízos sexistas, que priorice xogos potenciadores de todo tipo de habilidades, que fomenten a igualdade e a comunicación entre nenos e nenas participantes e que propicien o xogo cooperativo e sen actitudes violentas.

Deste xeito, estes días, ao igual que nas últimas semanas de decembro, a Concellería de Muller e Igualdade está desenvolvendo accións de sensibilización coa difusión de carteis e folletos cun código QR que dan acceso á devandita guía, tamén dispoñible na páxina web municipal http://concellodelugo.gal/sites/default/files/guia_xogamos_igualdade.pdf Este material xa se entregou nas escolas infantís, nos colexios, nas xogueterías e noutros establecementos de venda de xoguetes e en centros comerciais e de lecer infantil, entre outros. Tamén se difundiu entre os nenos e nenas participantes do programa municipal Aprende Xogando.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com