Na madrugada de hoxe efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizaron unha inspección nun local de hostalería da rúa Pintor Villamil onde se levanta acta de infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas por exceder, no exercicio da actividade, o límite horario establecido. O responsable do establecemento enfróntese a unha sanción por infracción grave de multa de 301 a 30.000 euros e suspensión ou prohibición da actividade por un período máximo dun ano.
Así mesmo na inspección realizada no establecemento detectouse que unha camareira estaba a traballar sen contrato de traballo ou relación laboral polo que se levanta acta por infracción á normativa de Seguridade Social para a súa posterior remisión á Inspección de Traballo.
Asemade, efectivos da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo, acoden sobre as 22:30 horas do 30 de xuño á avenida de Fontiñas onde se produciu un accidente de circulación. Os compoñentes do equipo á chegada ao lugar observan que un vehículo, ao virar para introducirse no garaxe dun dos edificios, causa danos a outro que se atopaba estacionado, presentando o condutor signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas.
Logo de ser sometido ás probas de detección alcohólica arroxou un resultado de 0,94 mg /l preto de catro veces máis do permitido, polo que se instrúen dilixencias por un delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.