Responsables de ADEGA reuníronse con concelleiros nacionalistas para estudar o trazado da Rolda Norte e o seu impacto ambiental e paisaxístico. A organización ecoloxista solicitou tamén xuntanzas cos demais grupos políticos representados no concello de Lugo e tamén co Delegado da Xunta en Lugo.
Ao remate da reunión o voceiro nacionalista opinaba que “a obra de creación da Rolda Leste suporá un impacto ecolóxico importante, sobre todo nas carballeiras do río Rato que forman parte do cinto verde da cidade”.
Os nacionalistas sosteñen que “é o momento de abrir un debate sobre a súa necesidade e de concretar se esa é a forma correcta para abordar a construción de determinados tramos do vial”.
“A Xunta optimizou o trazado da Rolda Leste”
Pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, insistiu hoxe en que “a configuración do trazado da Rolda Leste optimizouse na procura do menor impacto ambiental e paisaxístico. Ademais lembrou que o trazado está recollido no PXOM como reserva viaria, ao tempo que explica que o proxecto está supervisándose para a súa aprobación provisional e sometelo a información pública, fase na que se solicitarán os informes preceptivos”.
Arias Fouz fixo fincapé na “redución significativa do posible impacto ambiental e visual dunha infraestrutura vital para a cidade de Lugo, na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá un total de 19,6 millóns de euros, incluíndo o pagamento das expropiacións”.
En conclusión, explica Javier Arias, “estudouse a fondo o proxecto para optimizalo e facelo cun menor impacto paisaxístico e ambiental, polo que a proposta entregada responde a estas premisas”.
Hai que lembrar que se trata dunha estrada de 2,8 km desde a glorieta da LU-530, continuando a fase xa executada e cunha sección de dous carrís por sentido.