Convocados os certames anuais de debuxo, poesía e xornalismo do Nadal de Begonte

O Centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte, co gallo do Nadal e o patrocinio de Caixa Rural Galega, ven de convocar a XLI edición do CERTAME DE DEBUXO sobre O Nadal, co fin de potenciar o espírito do Nadal nos Nenos.

Poden concorrer todos os nenos a través dos seus colexios con traballos en cartolina de tema libre dentro do tema xenérico “O Nadal”, de tamaño como mínimo de medio folio, e como máximo dun folio. Cada colexio non poderá remitir máis de 25 traballos para cada categoría.

Establécense dúas categorías: A, ata 10 anos e B, de 11 a 15.Por cada categoría concederanse tres primeiros premios, dotados con 60€ e trofeo, e cinco segundos, dotados con 30€ e trofeo.

A admisión de orixinais rematará o próximo 24 de decembro, debendo ser entregados en man, ou remitidos ao Centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte.

Asemade a entidade promotora do Belén Electrónico da localidade, ven de convocar tamén, a XLI edición do Certame nacional de Poesía sobre o Nadal, co fin de potenciar o espírito do Nadal, e que se coñezan mellor os actos que con este motivo se celebran en Begonte.

A este certame poden concorrer todos os poetas que o desexen, con textos en galego ou castelán, que aborden o tema de O NADAL, desde calquera punto de vista, valorándose os textos que fagan referencia a Begonte e o seu Belén. É libre a construción dos poemas e a medida dos versos. Concederase o PREMIO BEGONTE DE POESÍA,  dotado con 600 € e estatuiña de Sargadelos, e un SEGUNDO PREMIO, dotado con 300€ e igual estatuíña.

A remisión dos traballos farase por triplicado exemplar ao Centro cultural de Begonte (Lugo), tanto persoalmente como por correo certificado, antes das doce horas do próximo seis de xaneiro. Todos os traballos han ser presentados con plica, facendo constar dentro dela os datos persoais do autor.

Tamén como cada Nadal, o Centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte, ven de convocar a XLI edición do Certame de xornalismo BEGONTE E O NADAL, co patrocinio da Xunta de Galicia, para potenciar o espírito nadaleiro e para que se coñezan mellor os actos que con este motivo se celebran en Begonte.

            Neste certame poden tomar parte os que publiquen en calquera xornal, revista ou en internet, en lingua galega ou castelá, algún traballo ou serie de traballos sobre calquera tema que faga referencia ao Nadal en Begonte e, en xeral, ao Nadal en Galicia.

            Hanse conceder o Premio Begonte de Xornalismo, dotado con 600€ e un Segundo premio, dotado con 300 €, os dous con cadansúa estatuíña de Sargadelos.

            O prazo de entrega dos traballos que se presenten ao certame, rematará ás 12,00 do próximo seis de xaneiro, debendo facerse a entrega no Centro Cultural de Begonte, persoalmente ou por correo.

            A presentación farase por triplicado exemplar do xornal ou revista onde se publicase o traballo, xunto cunha nota na que se fagan constatar os datos persoais do autor. No caso de traballos en Internet, texto impreso e indicación da páxina onde está publicado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com