Todos os membros da corporación municipal de Lugo concentráronse esta mañá ás portas do concello en sinal de dó tralo asasinato de Tatiana Vázquez, a moza de 24 anos que esta fin de semana aparecía acoitelada no interior do seu vehículo na rúa Montirón, no barrio de Sanfiz.
Os asistentes gardaron un minuto de silencio. Ademais, foron colocados varios carteis no chan denunciando a violencia machista e lembrando que a provincia de Lugo foi a que rexistrou un maior número de mulleres asasinadas a mans das súas parellas e exparellas nos últimos anos.
Presente nesa concentración, a alcaldesa de Lugo, Lára Méndez, sinalou que a existencia deste tipo de sucesos pon de relevo que a sociedade “está fallando” e pediu, se é necesario, “que se revisen os protocolos de actuación neste tipo de casos”. Méndez solicita que as denuncias por malos tratos se investiguen igual, aínda que a vítima decida retiralas. “Non nos podemos permitir como sociedade que unha muller poida morrer a mans da súa parlela ou exparella simplemente polo feito de ser muller”, concluía a rexedora, ao tempo que denunciaba que “a política de recortes aplicada nos últimos anos non axudou nada” á hora de poñerlle fin a esta lacra.
No acto estivo presente tamén o alcalde de Castro de Rei, de onde era orixinaria a vítima. O rexedor, Francisco Balado, sinalou que todo o municipio permanece “consternado” tralo asasinato de Tatiana.