A denuncia dunha activista á que cortaron as dúas rodas dianteiras do seu vehículo durante a celebración dun novo campionato para cazar raposos que comezou no municipio de Portomarín, cedendo o Concello unha instalación pública como o pavillón deportivo aos promotores, chegará ao Congreso dos Deputados.
A Asociación Animalista Libera confirmou onte a súa intención de impulsar a través do deputado Joan Josep Nuet, do Grupo Parlamentario Republicano, unha batería de preguntas para interpelar ao Goberno sobre o dispositivo de Garda Civil “asignado á pseudocompetición e as súas ordes”, xa que realizaron rexistros sobre vehículos de activistas pero non hai constancia de que fixesen o mesmo cos coches ou remolques dos “participantes”, as súas licenzas, armas ou o estado dos cans.
Nuet tamén tratará na súa iniciativa o ataque ao coche dos activistas animalistas que foi saboteado, lembrando que a identificación do autor ou autores sería moi sinxela: Existe un rexistro de participantes realizado polos propios organizadores, e preguntarase se esta acción contra unha propiedade privada tamén se enclava na “actividade deportiva” que realizan os cazadores.
Este deputado xa criticou en anteriores ocasións as respostas violentas de cazadores, tamén en Portomarín en 2011, cando varios individuos agrediron a camarógrafos e xornalistas que só trataban de informar sobre a polémica da caza do raposo con cans.
Ademais os animalistas mostraron o seu “hartazgo” polas “continuas terxiversacións e mentiras lanzadas desde o lobby procaza, como inflar o número de licenzas na provincia de Lugo para tratar de presionar aos partidos políticos ou afirmar que protestar está prohibido”, cando estas queixas se realizan de forma pacífica, segura e ao amparo da Constitución Española.
Como xa fixeron no anterior campionato celebrado na provincia lucense, LIBERA! rexistrará unha nova queixa ante o Consello Superior de Deportes lembrando que, se é un deporte recoñecido como tal na normativa, “debería estar supeditado ás leis e regulamentos que se aplican a calquera deportista federado: A Xustiza Deportiva e posibles sancións por incitación á violencia”.