Cortes de tráfico durante seis días dende mañá nas obras da autovía Nadela- Sarria

O avance das obras para a conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, farán necesario cortes de tráfico diúrnos durante seis días, desde o luns día 13 de decembro.

Os traballos centraranse nestes días na preparación da sección da plataforma sobre a que se asentará a base do firme da segunda calzada da nova autovía que está a executar a Xunta, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 13+500 e 24.

Así, para seguir avanzando na execución das obras proponse ampliar a duración dos cortes actuais en distintos treitos da VAP durante os días 13, 14, 15, 16, 20 e 21 de decembro, interrompendo o tráfico entre as 10:00 e as 18:00 horas. Unha vez rematadas as voaduras para obtención de materiais para terrapléns, comeza agora esta nova fase da obra, cuxo obxecto é preparar a sección da plataforma sobre a que se asentará o cimento do firme da segunda calzada da nova autovía. Os labores necesarios para situar a sección de plataforma transcorre en varios tramos por zonas de roca nas que non é posible a escavación con medios mecánicos, o que fai necesario a execución de microvoaduras neses puntos.

Os cortes puntuais programados teñen como obxectivo garantir a seguridade durante a execución dos traballos e non afectarán ás condicións normais de servizo da vía de altas prestacións durante as horas punta da mañá e do serán. Os cortes permitirán, ademais, reducir nun mes o prazo de execución destes traballos e, consecuentemente, os cortes de tráfico actuais.

Estas intervencións enmárcanse nas obras da primeira fase de conversión en autovía da vía de altas prestación Nadela-Sarria, nas que a Xunta inviste preto de 25 millóns de euros. Trátase da execución da primeira autovía autonómica da provincia, libre de peaxe, que comeza polo tramo sinalado como prioritario polos técnicos, aproximadamente 11 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro.

As obras da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que comezaron en novembro do 2020 e teñen un prazo de execución de 24 meses, céntranse na construción dunha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando dunha calzada con dous carrís actuais a dúas calzadas con dous carrís por sentido.

A intervención inclúe tamén a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, así como a reposición dos camiños de servizo afectados. Ademais, o treito de autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir a accidentalidade causada polo xabaril. Colocarase esa valla pola marxe esquerda, por onde irá a nova calzada, e substituirase a xa existente no
lado que non se desdobra.

A nova autovía permitirá realizar o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km/ h.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com