A terceira conferencia das xornadas Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo organizadas polo Concello con motivo da conmemoración neste 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural correrá a cargo de Covadonga Carreño, a xefa do servizo municipal de Arqueoloxía recentemente xubilada.
Baixo o título A Configuración da Cidade Romana. A Peatonalización do casco histórico, a ponencia abordará o cambio total da imaxe do casco vello a partir de 1997, a raíz da aprobación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI). O incremento da actividade rehabilitadora e reformadora tanto de iniciativa pública como da privada afectou ao subsolo, o que permitiu coñecer a trama urbanística da cidade romana.
A conferencia de Carreño terá lugar mañá, ás 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo, de 137 prazas.
Covadonga Carreño, arqueóloga do Concello de Lugo durante 30 anos, dirixiu dende 1987 numerosas intervencións arqueolóxicas na cidade, ademais de participar en moitos congresos e seminarios, e publicar e colaborar en publicacións de varios libros e numerosos artigos relacionados cos restos arqueolóxicos da cidade. Entre outras moitas achegas, colaborou na redacción da posposta de inscrición da Muralla na lista de bens Patrimonio da Humanidade.