Covid

En tempos, inverno era sinónimo de gripe, que indefectible nos visitaba cada ano, dando lugar a desigual combate no que as armas utilizadas podían ser produtos farmacéuticos ou fórmulas maxistrais presuntamente infalibles. A ciencia recomendaba unha que outra aspirina, pero a tradición permitía licencias coma o lingotazo moi quente de leite con coñac para facer suar ao enfermo, o que ao parecer ten a súa razón física e funcionaba coma se o propio Fierabrás o preparase.

Sentenciosamente, os que sabían do tema confesaban que se un non lle facía caso a unha gripe e se botaba a durmir, íalle durar sete días, e aplicándolle todos os remedios do mundo a cousa quedaba nunha semana.

Agora que por vacinarnos puntualmente xa non hai gripes, visítanos o señor Covid para revisar a agudeza das nosas defensas, sen facer caso ás previsións sanitarias. E se a primeira vez liquidei con tres ou catro días de gripazo, esta segunda, augusta, esixiume unha semana, os sete días exactos que para a gripe marca a tradición.

Auga, Paracetamol e repouso é o que recomendan os que entenden, e a eses excesos me entreguei estes días, resignándome ao irremediable, sentindo invadido por un enxamio o recanto que habitualmente debo usar para vivir, deixándome inútil para toda utilidade.

Non sei se “o bicho” me veu polo vento e se foi polo aire, pois son o único da familia que o padeceu, e ninguén se contaxiou do meu mal, o que pode significar que son un elixido dos deuses do contaxio. Proba superada. O que lamento é que coas limitacións de réxime de funcionamento que agora teño non poida ensaiar novas loitas contra o Covid tendo a experiencia do entrañable lingotazo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com