Cregos

As aldeas baleiras polas que hoxe laiamos comezaron a decaer cando deixaron de ter médicos (que os houbo, aínda que hoxe pareza imposible), mestres e cregos. Esa infraestrutura intelectual e de servizos foi esvaéndose lentamente ata practicamente desaparecer, antecedente ou consecuencia da emigración na percura de mellores aires.

Xantei ao lado de dous cregos amigos na homenaxe ao titular do Santuario dos Milagros. Un deles rexe oito parroquias, outro cinco ademáis doutros cometidos, e o mesmo de Saavedra tiña un total de oito, pero algún coñecin con trinta e tantas parroquias ao seu cargo, o que debera levar incorporado o título de Super Heroe.

Dende agora, dous cregos mozos encargaranse dun conxunto de parroquias de Begonte e de Guitiriz, Saavedra incluída, porque as contas non dan e nin multiplicándoos por seis ou por oito habería un cura por parroquia.

Díxose de Ángel Vigo que atendera nas súas oito parroquias no divino e no humano, e o bispo Cadiñanos subliñou que ese era o papel dos cregos nas parroquias. E como eu fun monaguillo de crego da aldea hai xa sesenta anos coñezo ese mundo que vai desaparecendo, onde disfrutei da amizade, a compañía e o exemplo de xigantes chamados Carballo, Torrado, Eliseo ou Domínguez, que axudaron a facerme como son.

De Ángel, os seus feligreses destacan a disposición permanente, a súa acollida, o sorriso, o diálogo… e os que o coñeceron de nenos falan do seu madridismo, de que xogaba ao fútbol cos nenos, de que se podía contar con el para todo…

A parroquia é a unidade natural da poboación galega. Vai ser difícil entendela sen un crego. Pero tamén nesto hai que compartir.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com