Cristina Pérez defende en Vilalba alternativas ao despoboamento do rural

En Marea celebrou este sábado un mitin-encontro cidadán en Vilalba coa presenza da cabeza de lista ao Congreso, Cristina Pérez Herraiz, a nº3 da candidatura Teresa Burgo García, a candidata ao Senado Victoria Esteban Riesco e a eurodeputada e candidata á reeleción no Parlamento Europeo Lidia Senra Rodríguez. Tratouse dun novo encontro con veciñanza da provincia para difundir o discurso que En Marea levará a Madrid logo das vindeiras eleccións.

Cristina Pérez reiterou ante o público asistente o compromiso de En Marea con que “deixe de facerse o baleiro ás provincias de Lugo e Ourense” que “lonxe de estar sometidas a unha maldición bíblica son as vítimas dun modelo de desenvolvemento pensado dende fóra que acentúa a Galicia de dúas velocidades”. Neste sentido, Pérez Herraiz prometeu que entre as prioridades de En Marea está “que as vilas e o rural galego non queden excluídos do estado do benestar”.

Deste xeito, a cabeza de lista de En Marea reiterou que “mentres os partidos clásicos se aproveitan da situación do que chaman a España baleira para convertela nun simple caladoiro electoral ” En Marea “aposta por unha dinamización económica que pase pola reforma da PAC, o impulso de modelos agroeolóxicos e o apoio á autonomía das mulleres rurais”, pero tamén “por unha descentralización do investimento en I+D+i que dea igualdade de oportunidades a territorios como a nosa provincia”.

“O rural galego precisa oportunidades económicas e unha dotación adecuada de servizos e infraestruturas” reclamou Cristina Pérez por último, antes de lembrar que “na axenda política de En Marea, acabar coa precarización social e laboral e estender dereitos para todas as persoas implica atender aos dous eixes de Galicia: a importante poboación urbana e a non menos importante área rural e periurbana”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com