O Deputado provincial do PSOE, Pablo Rivera Capón, solicitou esta maña que a Presidenta da Deputación “deixe de castigar aos produtores de leite, deixe atrás o seu capricho e deixe de exercer de Delegada da Xunta. Defenda os intereses da provincia e pida a Balado a licenza e a Feijóo financiación”. Rivera preguntase, “como é posible que nos dous encontros que Candia xa mantivo co Presidenta da Xunta non fose capaz de reclamarlle colaboración económica para o Centro de Recría ante a grave situación que sofre o sector lácteo, o que é o motor da economía da nosa provincia?”, e engadiu “o que pedimos é que desbloquee o Centro de Recría, que o faga polos produtores de leite e por todos os lucenses en xeral”.
Segundo o PSOE, durante anos, o único que fixo o Partido Popular foi boicotear a posta en marcha do Centro de Recría, mentres o Executivo de Besteiro construíu en solitario estas instalacións, facendo un esforzo inversor de 12 millóns de euros. O PP bloqueou o centro, primeiro dende a Xunta de Galicia que tardou dous anos en facer a declaración de impacto ambiental e a posteriori dende o Concello de Castro de Rei, que dirixe o Deputado Provincial, Francisco Balado, non concedendo a acta de comprobación das obras, que é o único trámite legal e imprescindible pendente para a súa apertura. O Goberno de Besteiro tivo que levar ao Pleno Provincial de abril unha moción, esixindo ao PP que realizase este trámite, que aínda hoxe segue pendente.
Resposta do Partido Popular
En resposta a este comunicado o PP por medio do deputado delegado de Medio Rural, José Ulla, reprobou ao socialista Pablo Rivera Capón, que unha vez máis “esconde a mala xestión do goberno bipartito detrás de mentiras”, e agora dende a Deputación de Lugo “estamos a traballar para sacar adiante un proxecto no que se investiron 13 millóns de euros, pero que non é viable a súa apertura tal e como no lo deixaron”.
Ulla lamenta que os socialistas presentaran o proxecto antes dos comicios electorais, o que os levou a “enchelo de deficiencias que impiden a súa posta en marcha inmediata.
O deputado do PP lembrou “que estamos ante un investimento de 13 millóns de euros que se materializou nunhas obras que non son operativas, o que se pode demostrar tanto con documentación como con información. Estamos ante unha medida electoralista, que é inviable e agora dende o goberno popular teremos que investir máis diñeiro para solucionar as deficiencias que presenta”.
En concreto, o deputado delegado de Medio Rural enumerou que as obras levadas a cabo teñen problemas de bioseguridade e ademais serán necesarias unha nave de cuarentena para os animais que entran no centro, así como unha sala de amamantamento. Ulla defendeu as medidas tomadas polo novo goberno provincial pensando nos gandeiros. “Consideramos que o peche da unidade de leite da Granxa Gayoso Castro beneficiará aos produtores de leite”.
Comunicado do Alcalde de Castro de Rei
O Alcalde de Castro de Rei e deputado provincial, Francisco Balado, emitiu unha nota onde acusa ao expresidente da Deputación de pretender “que o Concello de Castro de Rei, concedese licenza de actividade do Centro de Recría de Castro R. de Lea, sen aportar o Certificado Final de Obra, ó que a Técnico Municipal do Concello de Castro de Rei se negou, facéndolle o correspondente requirimento de documentación que lle foi notificado ao Sr. Besteiro cando aínda era Presidente do Organismo Provincial”.
Ningún político, sexa Alcalde ou Concelleiro debe arriscarse a conceder unha licenza de actividade dunha instalación ou obra, sen estar en posesión do Certificado Final da Obra asinado por técnico competente, xa que ningún técnico municipal pode informar favorablemente unha licenza de actividade ou obra sen a preceptiva existencia do Certificado Final de Obra, tal e como esixe a LOUGA.
Balado subliñou que o que pretendía era que“prevaricásemos dende o Concello”, sendo consciente de que estaba a inaugurar un Centro de Recría sen rematar, resultando a maior abundamento que aínda a día de hoxe o técnico da obra non achegou ao Concello a Certificación Final de Obra da Instalación