A vilalbesa Cristina Castaño, manifestamente pelrubeira (seica así se chama en galego ás “perlirrojas”), ten confesado o mal que o pasou de pequena na miña vila precisamente pola cor do seu pelo, vivindo acoso pola súa diferencia dos demais.
Como esto tivo que ser mediados os anos oitenta, que foi cando coñecín en Vilalba aos seus pais, vin que pouco se adiantara en canto ás diferencias nos trinta e un anos que lle levo, porque na miña nenez os diferentes eramos carne de cañón.
Ao ser o que subscribe coma o Pedro Chosco da canción – cun ollo pechado e o outro na lúa – o de que “miraba contra o goberno” só mo decían os máis amigos, e o sobrenome de “birollo” acompañoume coma un pecado orixinal irredimible.
Que non quero dicir que eu fora alleo a similares acosos porque non me recataba de chamarlle “patatrenca y jorobado” a outro compañeiro discapacitado ata que miña nai me recordou que se non me gustaban os alcumes tampouco o rapaz me merecía ese trato.
Posiblemente hoxe as barbaridades sexan diferentes, e os nenos aprenden cos exemplos dos maiores xa que tampouco este mundo que estamos construíndo potencia as sensibilidades. Fan falla moitas campañas, moita mentalización, moitas denuncias para lograr que desapareza a lacra do acoso, que moitas veces é o abuso dun acomplexado para marcar a outros e sentirse superior.
Todo se pode abordar con humor e intelixencia cando un vai medrando, e quero lembrar aquí ao benquerido Arcadio Silvosa, que co cariño que nos unía, de cando en vez me chamaba “Polifemo”, lembrando ao xigante dun só ollo, fillo de Poseidón, ao que Ulises derrotou.