C’s afirma que Méndez “leva tres anos facendo prácticas de alcaldesa a costa dos lucenses”

A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, afirmou esta mañá que a socialista Lara Méndez “leva tres anos facendo prácticas de alcaldesa a costa dos lucenses” e censurou “as présas de última hora buscando  desesperadamente algo que presentar de cara as eleccións do ano que vén”.

Nesa “política de lavado de imaxe ante a falta de realidades deste mandato” inscribiu Cidadáns a reunión da alcaldesa de onte en Madrid con Adif ou a presentación a semana pasada de varias actuacións incluídas no proxecto Muramiñae. Con ese mesmo obxectivo, afirmou Olga Louzao, foron elaborados os Orzamentos Municipais de 2018. “Máis que resolver os problemas da cidade o que pretende Lara Méndez é resolver os seus propios problemas de sequía absoluta de resultados desde que é alcaldesa”, afirmou Olga Louzao, que prevé para os vindeiros meses desde o Concello “un aluvión daquelas prácticas arcaicas de colocar farolas e repartir alquitrán a semana antes das eleccións en forma de proxectos futuristas versión 2.0”.

A xuízo de Cidadáns, o proxecto de Orzamentos Municipais para este ano presentado por Lara Méndez, e que se atopa a exposición pública até mañá, incumpre varias normas legais, polo que a agrupación municipal presentou unha serie de reclamacións para que sexan modificados, segundo detallou o coordinador de Cidadáns en Lugo, Juan Vidal-Pardo, que acompañou esta mañá a Olga Louzao na rolda de prensa. Entre outras cuestións, Cidadáns considera que o capítulo de gastos de persoal está “inflado” e non se axusta á plantilla actual, polo que incumpre a Lei de Emprego Público de Galicia; que non se prevén as partidas necesarias para executar as sentenzas firmes que obrigan a derrubar as torres do Garañón; e que se inclúen créditos para o pago de servizos sen contrato en vigor como a recollida de lixo, a grúa, o mantemento do alumeado público ou a xestión das estación depuradora e da potabilizadora. 

Olga Louzao anunciou que Cidadáns vaise presentar en Lugo as eleccións municipais do ano que vén “dicindo as cousas claras e presentándose como unha alternativa convincente” porque, dixo, “non estamos dispostos a que a nosa cidade perda outros catro anos máis”. A voceira cargou contra Lara Méndez, por ter a cidade “completamente abandonada e o Concello sumido no desastre absoluto” e tamén contra o PP “por non ser alternativa en Lugo e non ter feito nada pola cidade nin desde o Concello nin desde a Xunta nos últimos anos”. “Lara Méndez foi alcaldesa por accidente e semella que no PP andan buscando voluntarios para encabezar a lista de Lugo porque parece que Ramón Carballo non quere ser candidato”, afirmou Olga Louzao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com