O grupo municipal de Cidadáns esixe á Xunta “que desbroce o adarve da Muralla para que os turistas que visitan a cidade de Lugo durante o verán non leven unha triste imaxe dun monumento que é Patrimonio da Humanidade”. A voceira de Cidadáns, Olga Louzao, lamentou que a Muralla estivese “chea de herbas en pleno Arde Lucus” e instou á Xunta a “tomar medidas para que non continúe así todo o verán”.
A voceira de Cidadáns lembrou que o mantemento da Muralla é competencia da Xunta de Galicia, titular do monumento, e que “malia anunciarnos como solución un contrato de mantemento anual que está en vigor, a situación non mellorou de xeito significativo e ano tras ano cada vez que chega o verán a situación na que se atopa o monumento é moi mellorable”.
“Se se visita a parte superior da muralla pódense ver as herbas que hai por unha falta de limpeza e de preocupación pola imaxe do monumento e da cidade e é una pena que a xente que veu de fóra durante o Arde Lucus, igual que os propios lucenses, non puideran disfrutar dunha Muralla en perfectas condicións durante unha das festas que máis visitantes atrae á cidade”, criticou.
Olga Louzao explicou que o ano pasado a limpeza da Muralla non comezou até o mes de setembro xa que a Xunta xustificou que os traballos non poden comezar antes por mor da migración dos vencellos que aniñan na Muralla. “Entendemos que haxa que respectar a época de cría destes paxaros, pero unha cousa é que non se limpen as herbas das paredes da Muralla para non molestalos e outra cousa é que nin sequera se rocen as herbas que nacen no adarve”, xustificou a voceira de Cidadáns.