O grupo municipal de Cs denunciaba hoxe a situación de abandono que vive o barrio da Ponte, onde a maleza invade as beirarrúas e dificulta o tránsito aos peóns, de forma “especialmente preocupante” no tramo urbano da Estrada Vella de Santiago, o que supón un “claro risco” para a seguridade viaria na arteria principal deste barrio. «Existen tramos onde é imposible que dúas persoas transiten á vez pola mesma beirarrúa. Ademais é imposible que o carrito dun bebé ou unha cadeira de rodas pase por alí», apuntou Vidal.
«Instamos ao Goberno local a que acometa os traballos necesarios de forma urxente. Hai que rozar xa. É unha vergoña a situación de abandono que vive neste sentido A Ponte. Desgraciadamente é a dinámica á que nos ten afeitos este Goberno local. Ignoráronse as nosas demandas pero o peor é que se están ignorando as demandas da veciñanza», sinalou o concelleiro da formación laranxa.
«Non é unha situación puntual. Nalgúns puntos a maleza alcanza os dous metros de altura. É unha mostra de que o barrio leva meses deixado da man deste Goberno», proseguiu. «O problema da maleza é só unha evidencia máis do abandono que afecta a esta zona de Lugo, onde o alumeado público é deficiente e existen rúas interiores nas que o pavimento está totalmente levantado. É necesario unha actuación integral urxente», concluíu.