O grupo municipal de Cidadáns queixouse esta mañá do “deficiente mantemento” que presentan os canís da cidade, como o situado no Carril das Estantigas, que contan con grandes buracos, charcos e sebes en mal estado. Ademais, Jesús Expósito, concelleiro da agrupación, considera que “o número total de canís é totalmente insuficiente para o ritmo que está a crecer a poboación canina na cidade”.
“En Lugo cada vez é máis complicado atopar espazos para cans que estean en boas condicións. Os canís atópanse cheos de buracos e moitos deles están feitos unha auténtica lodeira. Por iso, desde Cidadáns, solicitamos que se mellore o mantemento dos mesmos“, considera Expósito, resaltando a necesidade unha mellor drenaxe, a reparación de danos nos peches e dos sebes, e encher os buracos.
Expósito tamén considera que os tres canís que se atopan neste momento en Lugo, os situados no parque de Frigsa, na ronda de Fingoi e o do centro histórico no carril das Estántigas, son “claramente insuficientes”. Xa que Lugo é a cidade galega con máis cans, habendo 16.681, “toca a un canil por cada 5.500 cans, un cociente totalmente desmesurado”, opina o concelleiro.
O Primeiro canil que se creou en Lugo foi o do centro histórico, no ano 2004. Dous anos despois, abriuse o de Frigsa, que custou 27.000 euros e o último que se puxo en funcionamento foi o da Rolda de Fingoi en 2008, cun custo de 52.775 euros.
A poboación canina non parou de crecer nesta década, xa que tan só desde o ano pasado o número de cans censados subiu un 15%, o que supón que en Lugo hai actualmente un can por cada seis habitantes e que xa hai máis cans na cidade que nenos de 0 a 19 anos. Por iso, no ano 2017 Cidadáns presentou unha iniciativa ao pleno na que se instaba a crear tres novos canís que estarían situados nas Costas do Parque, o paseo do Miño e no parque dos Paxariños.
“Desta forma conseguiríamos que máis habitantes de Lugo teñan maiores facilidades á hora de levar aos seus cans a estas zonas dedicadas a eles. Ademais, tamén propoñiamos mellorar os canís existentes poñendo elementos de agility ou dispensadores de bolsas para recoller os excrementos dos animais”, explica Expósito.