O grupo municipal de Cidadáns, encabezado pola súa voceira Olga Louzao vén de rexistrar esta mañá no Concello de Lugo un rogo dirixido á alcaldesa para instar á Xunta de Galicia á modificación dos horarios da liña de autobús actual entre Lugo e Palas de Rei para adaptalos ás necesidades dos usuarios así como aumentar unha nova parada na Avenida das Américas.
Na iniciativa, o Partido da Cidadanía explica que o pasado día 8 de agosto de 2017 comezou a funcionar a nova liña de autobús entre Palas de Rei e Lugo, pola empresa EPSA. Este vehículo fai de luns a venres un servizo en cada sentido; con saída de Palas de Rei ás 11:00 horas e chegada a Lugo ás 12:00 horas e a volta con saída de Lugo ás 20:00 horas chegando a Palas de Rei ás 21:00 horas.
Estes horarios, segundo explica Cidadáns, “non se axustan ás necesidades dos usuarios e usuarias desta liña, ao non permitir a hora de chegada en moitos casos realizar xestións ou acudir por exemplo a consultas médicas en horario de mañá e obrigando ademais aos usuarios e usuarias a esperar na cidade de Lugo até última hora da tarde para poder volver aos seus domicilios”.
O autobús só realiza ademais unha parada na cidade de Lugo, na estación de autobuses; cando a liña anterior facía parada tamén na Avenida das Américas, moi demandada por moitos usuarios, segundo indica esta iniciativa. Asemade, Cidadáns explica que estes usuarios, que xa recolleran con anterioridade sinaturas co fin de mellorar o servizo, volveron a presentar un escrito na Xunta de Galicia mostrando as súas queixas pola nova concesionaria e esixindo o cambio de horarios.
Os horarios que esixen tanto os veciños como os edís de Cidadáns contarían coa saída de Palas, no primeiro turno, ás 07.00 horas, para chegar a Lugo ás 08.00 horas. Asemade, o autocar sairía de Lugo no segundo turno ás 13:30 horas con chegada a Palas de Rei ás 14:30 horas.