Cs Lugo censura á rexedora por “ser incapaz” de abrir o centro social da Piringalla

A voceira de Cs no Concello de Lugo, Olga Louzao, instou esta mañá ao Goberno local a abrir “sen máis demora” o novo centro social construído no barrio da Piringalla e comprometido “desde hai máis dunha década”.

A edil da formación laranxa criticaba, tras esta petición o que tildou de “incapacidade” do PSOE local para, na súa opinión, xestionar os asuntos máis elementais da cidade e asegurou que “o bipartito constitúe un goberno fracasado cuxas desavenencias impiden poñer en funcionamento servizos fundamentais” para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

“A alcaldesa, Lara Méndez, anunciara en xuño de 2020 que o novo centro social da Piringalla comezaría a funcionar en agosto de 2021, sen embargo medio ano despois da data anunciada esta infraestructura municipal atópase na práctica sen actividade. A súa incapacidade para realizar un xestión eficaz é o único motivo deste peche”, asegurou  Louzao.

A portavoz municipal considera que o Goberno local evidencia semana tras semana e mes tras mes que non está capacitado para xestionar a cidade. «Os veciños xa non confían na política do anuncio baleiro de Méndez cuxos compromisos coa cidadanía chegan con anos de atraso ou caen en saco roto. O único capaz de executar en tempo son os proxectos europeos porque, doutro xeito, perdería o financiamento. O centro de convivencia interxeracional da Piringalla é un servicio necesario para os veciños e veciñas da zona norte da cidade, que sofren desde fai décadas o abandono por parte dos sucesivos gobernos socialistas. Estamos a falar de que o complexo debe cubrir carencias desatendidas desde 2006 como a necesidade dunha biblioteca e outros servizos básicos para o barrio na actualidade como a bebeteca para menores de 3 anos. Así mesmo debe dotar a zona de áreas infantís e xuvenís e salas de lecturas e de reunións para adultos que axuden a corrixir o déficit de salas de estudo municipais na cidade», dixo.

Louzao acusou ao Goberno de improvisación constante e de ser incapaz de cadrar as contas. «Este é o caso do centro social da Piringalla, rematado desde hai máis de medio ano pero baleiro. Descoñecemos cales son os gastos anuais asociados ao funcionamento e mantemento deste novo espazo municipal; con que se equipará e que contratacións de persoal prevense como esixencia do funcionamento pleno desta infraestructura», concluíu Louzao.


Imaxe de arquivo: Centro Social da Piringalla, obras rematadas

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com