O Grupo Municipal de Cidadáns denunciou esta mañá o “estado de abandono” da Praza Roxa e a Ronda de Fingoi e a “pasividade” do Goberno municipal no mantemento das rúas e espazos públicos. “Parece que o Goberno Municipal non pasea pola cidade e non fala con os veciños se non é acompañado do seu séquito habitual ultimamente, porque é inexplicable o estado de moitas das zonas”, considera o concelleiro de Cidadáns, Jesús Expósito.
Puxo como exemplo da “parsimonia” do Goberno Local o estado no que se atopa desde fai meses a Praza Roxa, un dos principais lugares de esparcemento do barrio, unha zona que está chea de fochancas e co formigón levantado despois de terse acometido diversas obras de canalización, sendo un perigo para os veciños e para os nenos e nenas, ao haber diante un parque infantil.
No entorno atópanse tamén diversos predios municipais que están cheos de maleza. “A semana pasada denunciamos que fronte ao centro de saúde de Fingoi hai un solar municipal sen desbrozar, e esta semana volvemos encontrar outra parcela municipal chea de maleza na Ronda de Fingoi” denuncia o concelleiro de Cidadáns, evidenciando que “o problema é xeralizado e vai ir a peor coa chegada da calor porque o risco de lume increméntase”.
Asimesmo, desde Cidadáns criticaron esta mañá que no pleno celebrado onte o Goberno Municipal anunciase a súa intención de non cumprir coa lei anti-incendios aprobada pola Xunta. “O Goberno de Lara Méndez anunciou que se declara insubmiso ao cumprimento da Lei Antiincendios malia que é a súa obriga, o que nos parece unha tremenda irresponsabilidade”, afirmou Jesús Expósito. O Goberno dixo onte que non lle dá tempo a executar as faixas de protección contempladas na lei a pesar de que a Xunta advertiu fai meses da obriga de manter limpas faixas de protección entorno a vivendas e núcleos de poboación.
Desta maneira, o Goberno admite abertamente que non vai cumprir cunha lei que pode impedir a creación e a propagación de incendios este verán. Jesús Expósito pediu ao Goberno local que dea exemplo: “Desde Cidadáns consideramos que o primeiro paso para levar a cabo o establecido nesta lei é que o propio Concello sirva de modelo limpiando as súas propiedades, o cal non está ocorrendo. Unha vez máis, atopamos solares municipais cheos de maleza nos que proliferan as ratas e as culebras”.
Tamén da Ronda do Carme
Lugonovo chama a atención sobre o estado de conservación no que se atopa a mediana peonil da Ronda do Carme. O pavimento do paseo presenta, a xuízo do Grupo Municipal, un grave deterioro como consecuencia do crecemento das raíces do arboredo que contén e da falta de coidados que, dende hai anos, padece este enclave.
“O volume do enraizado é tal que estragou a maior parte do firme, levantando o chan en multitude de puntos o que supón un potencial foco de caídas para os viandantes e, polo tanto, un perigo para a cidadanía que frecuenta este espazo”, advirte Cristina Pérez Herráiz.
A portavoz da formación insta ao goberno a revisar as condicións nas que se atopa a beirarrúa e a corrixir canto antes o danos detectados no seu revestimento sen comprometer a protección das árbores.