O grupo municipal de Cidadáns levará ao Pleno do Concello de Lugo da vindeira semana unha proposta para rebaixar en dous anos a exención do IBI á Xunta de Galicia para axustar a aportación que fai o Concello de Lugo ao custo real de equipar o novo auditorio.
“O convenio polo que este Goberno municipal lle perdoou á Xunta 3,6 millóns de euros para que con eses cartos, que son de todos os lucenses, o señor Feijóo e o señor Balseiro equipasen o novo auditorio é un dos maiores despropósitos da nefasta xestión de Lara Méndez como alcaldesa neste mandato”, afirmou a portavoz de Ciudadanos en Lugo, Olga Louzao.
Tal como xa advertiu o Grupo Municipal de Cidadáns, no momento da aprobación en Pleno por parte do PP e do PSOE da exención do IBI para costear o equipamento do auditorio, a Xunta de Galicia fai un “negocio redondo”, dado que o equipamento é pagado na súa totalidade polo Concello de Lugo e aínda por enriba a Administración autonómica “embólsase” a maiores 1.205.889,51 euros tendo en conta a cantidade máxima fixada no convenio asinado (3.755.050,16 euros).
“Lara Méndez é unha pésima negociadora cando de defender os intereses da cidade se trata. Asinou un convenio coa Xunta que fai pagar aos lucenses a totalidade do custo de equipar o auditorio e aínda por riba regálalle á Administración autonómica 1,2 millóns de euros a maiores”, criticou Olga Louzao