C’s Lugo traslada ao seu congreso a necesidade de policías na cidade

A voceira de Cidadáns en Lugo, Olga Louzao, ven de trasladar aos deputados e deputadas de Cidadáns no Congreso a necesidade de que a cidade de Lugo conte con máis axentes da Policía Nacional e cunha nova comisaría para, deste xeito, poder cubrir as demandas de seguridade dunha cidade de 98.000 habitantes. Louzao considera que “os medios actuais son insuficientes” e afirma que “é algo no que coinciden os propios membros do Corpo Nacional de Policía de Lugo, que denuncian que en moitas ocasións non hai máis que un coche patrulla na rúa”.

O grupo municipal de Cidadáns levou este asunto ao Pleno o pasado mes de setembro a través dunha iniciativa que foi apoiada polo resto dos grupos da Corporación, polo que Olga Louzao afirma que “agora o que fai falla é que esa mesma unanimidade se traslade ao Congreso dos Deputados para que estas demandas poidan ser unha realidade nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018”.

Na iniciativa aprobada polo Pleno do Concello de Lugo instábase ao Goberno do Estado a crear un Subgrupo de UPR, dotado como mínimo con 11 efectivos, dependente da Comisaría Provincial da Policía Nacional de Lugo e a incluír nos Orzamentos Xerais do Estado para 2018 as partidas necesarias para a construción de novas comisarías para a Policía Nacional en Lugo e en Monforte, así como para dotar a todos os axentes dos medios materiais necesarios para o axeitado desempeño das súas funcións.

A alcaldesa, tal como se pedía na iniciativa, deu traslado o pasado día 23 de outubro do acordo adoptado no Pleno á Presidencia do Goberno e ao Ministerio do Interior, pero agora Olga Louzao quere que todos os grupos da Corporación fagan o mesmo que ven de facer Cidadáns e presionen aos seus respectivos partidos en Madrid para que a demanda aprobada no Pleno de Lugo sexa tida en conta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com