Cs pedirá ao Goberno Local que actúe ante o “perigo medioambiental” do vertedoiro de Bóveda

O concelleiro de Cs, Juan Vidal-Pardo, anunciou esta mañá que o seu grupo presentou unha proposta para debater no próximo pleno na que se insta ao Concello a determinar o impacto sobre o medio natural da actividade que se leva a cabo na antiga canteira de Santa María de Bóveda (km 493 da A-VI, acceso por LU-P-2918) e na que se insta ao Goberno a facer todo o posible para poñerlle freo. “Sen dúbida, un dos grandes patrimonios que temos en Lugo é o noso medio natural, o cal temos a obriga de protexer e preservar. Con todo, existen circunstancias como esta que comprometen o noso patrimonio e supoñen un risco para a saúde dos veciños”, sinalou.

Vidal-Pardo expuxo durante a súa intervención que existe constancia de que ao longo do ano 2020 numerosos camións continuaban baleirando o seu contido cara á ladeira sen facer selección dos residuos vertidos, para logo tapalos con terra. “Alí deposítanse envases de plásticos, envases que contén sustancias non autorizadas, residuos mesturados de construción e demolición, equipos eléctricos e electrónicos que conteñen compoñentes perigosos, e numerosos restos de Uralitas de fibrocemento-amianto, que se atopan entre os escombros arroxados pola ladeira”, denunciou o concelleiro, quen recordou que pegado á canteira discorre un pequeno afluente do Miño, onde acaban por filtración todos os axentes contaminantes que se verten incontroladamente.

A situación deste presunto vertedoiro ilegal comercial de Lugo sostense no tempo cunha práctica continuada de eliminación incontrolada de residuos, que en opinión do edil pode chegar a supoñer unha infracción administrativa cualificada como moi grave no artigo 34.3.B-C) da Lei 10/1998, de 21 de abril. (O abandono, vertido ou eliminación de calquera outro tipo de residuos, sempre que se produciu un dano ou deterioro grave para o medio ambiente ou se puxo en perigo grave a saúde das persoas). “Por iso instamos ao Goberno local a que deixe de mirar para outro lado e que leve a cabo todas as xestións necesarias para evitar este dano sobre o noso medio. Ademais pediremos que se encargue un estudo para calibrar o impacto real sobre o medio e sobre a saúde desta actividade que ata a data contou coa tolerancia do Concello”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com