Cs pide á alcaldesa que negocie para que Fomento se faga cargo da pasarela da N-VI

 A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, pídelle á alcaldesa que negocie co novo ministro de Fomento do PSOE, José Luis Ábalos, para que o Ministerio se faga cargo da construción da pasarela sobre a N-VI e da rotonda da Volta da Viña, infraestruturas estas que, dixo, “son da súa competencia e que non ten sentido que as teña que pagar o Concello”.

“A alcaldesa xustificou a constución desas dúas obras por parte do Concello alegando que o Ministerio de Fomento do PPnon quería facerse cargo. Pois agora Lara Méndez ten unha oportunidade magnífica para reclamarllas ao ministro de Fomento do seu partido para non ter que cargarllas ás arcas municipais e aforrarlles un millón de euros aos lucenses”, argumentou Olga Louzao, que lle esixiu á alcaldesa que reclame do seu compañeiro de partido ese investimento en Lugo. 

Ao mesmo tempo, Cidadáns propón unha alternativa diferente para salvar a N-VI na conexión da cidade co río Miño. No canto da ampliación do paso soterrado fronte ao Pazo de Feiras proposto polo Goberno municipal no proxecto Muramiñae, Olga Louzao propón”negociar co novo ministro de Fomento o soterramento dun tramo da N-VI nesa zona”. Trataríase dunha solución semellante á executada tamén na N-VI na zona de Garabolos, na conexión coa Avenida Benigno Rivera e o polígono do Ceao.

“Nesa zona, fronte ao Pazo de Feiras, no entorno comprendido entre a Volta da Viña e a saída de Carrefour non hai ningún cruce polo que pensamos que non hai ningún impedimento técnico para adoptar unha solución semellante ao soterramento que se fixo no Ceao“, argumenta Olga Louzao, que defende que esta actuación “é perfectamente viable e suporía un cambio absoluto de mentalidade, xa que serían os coches e non as persoas as que pasarían por debaixo e a N-VI deixaría de ser unha barreira entre a cidade e o río”.

A conexión, deste xeito, entre a cidade e o río Miño faríase ao mesmo nivel o que daría continuidade ao viario tanto a pé como en bicicleta”facendo moito máis atractiva a baixada ao río”. Olga Louzao considera que “esa modificación, que suporía a eliminación da N-VI como barreira, é fundamental e prioritaria para o futuro de Lugo e para que os fondos Edusi do Proxecto Muramiñae, xestionado polo Concello e dotado con 12,5 millóns de euros poidan dar resultados efectivos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com