O grupo de Cidadáns en Monforte de Lemos rexistrou hoxe unha iniciativa que presenta unha serie de medidas en prol da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. A encargada do rexistro foi Mercedes Marcos Fernández, Coordinadora do Grupo Local de Cidadáns en Monforte, quen explicou que “na semana do Día Internacional da Muller, desde Cs propoñemos, entre outras medidas, o aumento e equiparación dos permisos de maternidade e paternidade como unha das medidas clave para combater a brecha salarial e a discriminación que padecen as mulleres no ámbito laboral”.
Dende a formación, explica Marcos, “apostamos tamén nesta iniciativa por garantir o dereito das mulleres ao acceso ao emprego, a igualdade de remuneración en traballos do mesmo valor, a promoción dunha cultura cívica baseada na igualdade real sen discriminación por razón de sexo ou a mellora da supervisión dos plans de Igualdade desenrolados en empresas”.
Outras propostas que recolle Cidadáns nesta iniciativa rexistrada teñen que ver coa promoción do traballo a distancia, a gratuidade do primeiro ciclo de educación infantil de 0 a 3 anos, o acordo sobre un Pacto Nacional para a Racionalización dos Horarios e a Conciliación, o desenrolo dos avances logrados co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero ou a elaboración dun Proxecto de Lei contra a Violencia Sexual que mellore a resposta institucional inmediata que reciban estas vítimas.