Onte anunciábamos neste mesmo xornal a decisión da Xunta de Galicia de asinar un convenio co Concello de Lugo no que a administración autonómica investía 3,5 millóns de euros para equipar o novo auditorio, a cambio de non pagar o IBI de cinco centros de saúde durante os vindeiros catro anos.
Como era de esperar, as primeiras reaccións a esta nova non se fixeron de rogar; así a primeira en saír ao paso foi a voceira de Cidadáns no concello de Lugo, Olga Louzao, quen tildou de “cambalache” este acordo entre a Xunta e o Concello e considerou que a negociación que levou a cabo a alcaldesa co presidente da Xunta, é “ruinosa para Lugo”. A edil afirmou que este convenio “fai que sexan os cidadáns de Lugo os que paguen o 100% dos gastos” e anunciou que o seu grupo votará en contra deste convenio no vindeiro pleno.
“A Cidadáns non lle cadran as contas e consideramos que foi unha negociación ruinosa para o Concello, posto que, ademais de ter que pagar a totalidade do custo de equipar o novo auditorio, 3,5 millóns de euros, ímoslle regalar á Xunta outros 600.000 euros adicionais a maiores, xa que a exención total do IBI durante os próximos 6 anos do Hula, os centros de saúde de San Roque e Illas Canarias e as residencias de maiores das Gándaras e a Milagrosa vai supoñer unha perda de ingresos para o Concello de 4,2 millóns de euros. Só o IBI do Hula son máis de 550.000 euros ao ano”, detallou Olga Louzao.
Por iso, o grupo municipal de Cidadáns levará á vindeira comisión de Contas do Concello unha batería de preguntas para que a alcaldesa aclare ante o resto de membros da Corporación municipal os termos do acordo ao que chegou con Feijóo, e que Olga Louzao considera “nefasto para os intereses dos lugueses e luguesas”. “Pensamos que a alcaldesa, Lara Méndez, non botou ben as contas e deixouse timar polo señor Feijóo“, afirmou Olga Louzao esta mañá, que lembra a alcaldesa “pasou de negarse a poñer un terzo do custo total hai uns meses a aceptar agora pagar máis do 100%”.
Non agrada á Deputación
Pero Cidadáns non é o único partido que non está convencido de que o equipamento do auditorio de Acea de Olga, sexa un favor da xunta aos lucenses. Nesta liña falou tamén o voceiro provincial, Álvaro Santos Ramos, tras a Xunta de Goberno da Deputación. Santos Ramos asegurou que “é triste que se teña que ter chegado a esta situación na que ao final señan os lucenses quen van pagar a mellora do auditorio de Lugo; é dicir, Feijóo non vai dar nada, vai deixar de pagar o IBI”. Santos Ramos rematou desexando “que non sexa un anuncio que agora se dilate no tempo e que Lugo siga esperando por ese equipamento que permita desenvolver unha actividade cultural acorde ás necesidades da cidade e da provincia”.
O GMPP pide “non máis excusas”
Pero como toda moeda ten dúas caras, toda nova ten dous posicionamentos. O PP municipal saía tamén ao paso desta información hoxe pola mañá, a súa edil, Encarna Amigo, pedía ao goberno “non máis excusas” para encher o auditorio de programación “de calidade” e “á altura” dos lucenses. “Este acordo desmostra que o goberno de Núñez Feijóo non se desentende dos lucenses, senón que está ao carón deles, tal e como demostra que durante este ano e o vindeiro serán os encargados de asumir os gastos que xere esta infraestrutura, ademais de que Lugo é a provincia na que máis inversión realizan por habitante”, explicou Amigo quen esperou que despois de “tantas queixas” de Lara Méndez e o seu equipo “imaxinamos que agora terán todo un programa de actividades pechado” agardando a que se equipe o auditorio para comezar a ter actividades.