CSIF denuncia o trato de “explotación laboral” a certos empregados do Concello de Lugo

CSIF vén de denunciar o trato que están a recibir certos traballadores por parte do Goberno local. “Un goberno que proclama aos catro ventos ser progresista, de esquerdas e por tanto defensor do traballador, pero que á hora da verdade máis ben parece que o que tenta é explotalos laboralmente”.

Así o denuncia o sindicato facendo referencia aos novos axentes da Policía Local, que terminaron a súa formación en xaneiro e aínda “a día de hoxe, malia que xa foron integrados nas quendas de traballo, rotando mañá tarde e noite e realizando as taregas propias da función policial”, continúan a percibir, segundo denuncian, un salario que non chega aos 700 euros mensuais, “moito menos” do que o propio Goberno Central fixou como salario mínimo interprofesional.

“A parte de ilegal de xeito evidente, esta actitude parécenos vergoñenta e impropia dunha administración pública que, supostamente, debe ser exemplo de legalidade e de cumprimento das leis”, critica o sindicato que, á súa vez denuncia que “non é a primeira vez que este Goberno fai o mesmo”.

Segundo lembran dende o CSIF, á anterior promoción de policías tamén se lles negou o abono do salario completo durante o seu período de prácticas no 2020, malia que, durante o mesmo, en plena pandemia pola Covid-19, estes traballadores exerceron todas as funcións propias do seu posto, “manténdose na primeira liña na loita contra o virus, arriscando incluso a súa saúde co fin de protexer a da cidadanía”.

Aínda así, di o sindicato, o Concello, e a pesar do informe da Xefatura de Policía, expoñendo que durante os períodos de prácticas estes traballadores levaran a cabo todas as funcións policiais encomendadas, sendo encadrados nas distintas quendas operativas, “negouse en redondo a pagar o establecido por lei, véndose obrigados a acudir ao Xulgado, sendo representados por CSIF”.

Nese caso, o Xulgado ditaminou “tallante e razonadamente” que estes axentes en prácticas debían percibir o mesmo salario que calquera outro policía durante o tempo en que desempeñaron as funcións propias do posto. “A pesar diso, Lara Méndez, nun exercicio de irresponsabilidade absoluta, decidiu non acatar esa sentenza e recorrela ante o TSXG”.

Desde CSIF consideran que esta situación dáse porque “é moi fácil recorrer cando o que se xoga é o diñeiro de todos os cidadáns e non se arrisca o patrimonio propio, que isto pasa porque é moi fácil recorrer cando o que se xoga é o diñeiro de todos os cidadáns e non se arrisca o patrimonio propio, e é que, segundo expresan, “no caso de que a sentenza dea a razón aos traballadores, todos os lucenses, cos seus impostos, terán que abonar os intereses correspondentes á cantidade debida, e con toda probabilidade as costas do proceso xudicial. Todo iso froito da temeridade política”.

“Pois ben, aínda con estes antecedentes, o Concello de Lugo, coa alcaldesa á fronte, segue querendo caer no mesmo erro, negando un salario digno aos policías de última promoción durante os períodos de prácticas nos que  desenvolveron a función policial”, critica o sindicato quen explica ademáis que “o pasado 31 de xaneiro terminouse oficialmente o seu período de formación e inmediatamente integráronse nas diferentes quendas, comezando a traballar normalmente, como calquera outro policía do persoal, e a día de hoxe, emitido xa o informe de superación do curso por parte da AGASP, continúan sen tomar posesión do posto”.

Respecto a isto, din descoñecer porque o Servizo de Persoal “non realiza o seu traballo cunha mínima axilidade para evitar prexuízos innecesarios a estes traballadores”, tamén din que non saben “se o Xefe de Persoal segue instrucións políticas ou todo iso é froito da súa incompetencia, descoñecemos se o que está a pasar pode estar motivado por un odio visceral  e inxustificado que este funcionario parece ter cara á Policía Local, e en sucesivos comunicados trataremos de demostrar que a nosa desconfianza respecto diso está máis que motivada”.

“O que non é de recibo é que, a pesar de estar a traballar normalmente, a pesar de realizar todos os servizos que se lles encomenda, a pesar de cumprir fielmente coas súas obrigacións, sígaselles pagando un soldo mísero, pouco máis da metade do SMI, co que resulta imposible chegar a fin de mes”.

CSIF denuncia así que o Goberno “autoproclamado progresista e ao lado dos traballadores” coa súa actitude fará que os axentes en prácticas véxanse obrigados “a reclamar o que se lles debe no xulgado”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com