A Xunta de Goberno local vén de anunciar a cobertura en comisión de servizos de dúas prazas de cabo no parque de bombeiros, co que quedan cubertas as cinco existentes na plantilla destes mandos intermedios, segundo informou o voceiro municipal, Miguel Fernández. Ao mesmo tempo, continúa o proceso selectivo iniciado a principios de mes para a cobertura de 12 prazas de bombeiro incluídas nas ofertas de emprego público de 2015 e 2016, que rematará previsiblemente en mes e medio.
Con estas 12 prazas, os efectivos pasarán dos 38 actuais a 44; dado que seis das prazas que saen agora a oposición están xa cubertas por interinos. Así, mesmo a praza de sarxento de bombeiros por promoción interna prevista na OEP de 2016 será convocada en breve.
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén foi aprobada a cobertura da xefatura do servizo de Cultura, en comisión de servizos de carácter voluntario por período de un ano, en tanto non se procede á convocatoria dun concurso oposición para a cobertura definitiva do posto. Así mesmo, aprobouse o nomeamento correspondente á praza de oficial sepultureiro e esta mañá tomou posesión un enxeñeiro técnico agrícola, que xa se incorporou á oficina de atención ao rural. En ambos dous casos, son prazas incluídas na OEP do 2015.
Por outra banda, o Concello e a Xunta asinaron hoxe o convenio de colaboración para delegar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos da Policía Local en quenda libre. As catro ofertas de emprego que sacou adiante o Goberno neste mandato contemplan un total de 140 prazas, 45 delas de policía, entre promoción interna e quenda libre. De maneira inmediata, o Concello comunicará á AGASP as prazas a convocar: 18 en quenda libre.