O candidato do PP á alcaldía de Láncara, Santiago Cubillas, sinala a “mala xestión do alcalde e o goberno local socialista por manter onte en funcionamento o sistema de rego automático na área recreativa da Pobra de San Xiao, un día de inverno e choiva”. Así mesmo, engade que “é unha situación habitual que nos teñen trasladado os propios veciños e veciñas e que onte puidemos comprobar”.
O popular critica esta xestión porque supón “un gasto innecesario de auga potable e enerxía eléctrica ao que debe facer fronte o Concello e, polo tanto, é un gasto que prexudica a todos os veciños que saben perfectamente o que é pagar as facturas de auga e luz nos seus propios fogares”. Para Cubillas esta práctica é “un gasto sen sentido e para nada xustificado porque incluso o río discorría practicamente desbordado ao longo da xornada deste luns”.
Cubillas recorda que “no anterior mandato con Goberno popular no municipio, había un edil encargado das zonas verdes moi criticado, por certo, polo actual alcalde; pero, agora, non hai un responsable específico no propio equipo de Goberno e ben que se nota. Non hai máis que ver as zonas verdes antes ben atendidas, pero que agora sofren a deixadez do Goberno local”.