Cubillas esixe unha “solución urxente” ante o “risco de derrubamento do camiño á beira das obras dos Baos”

O PP de Láncara esixe unha “solución urxente” ante o “risco de derrubamento do camiño á beira das obras de canalización no rego do núcleo de Os Baos”. Segundo o voceiro popular, Santiago Cubillas, “o camiño está caendo cara ao rego despois da instalación dunhas tubaxes o pasado 27 de setembro e a súa retirada ao día seguinte”. De feito, “os propios operarios instalaron puntais co obxectivo de evitar o seu derrubamento”, indica.

O popular lamenta que “esta pequena obra estea a supoñer un novo problema”; xa que “o seu derrubamento suporía a obstrución do rego e, polo tanto, requiriría de novas actuacións tanto no camiño coma no rego causando máis prexuízos aos veciños e aumento o gasto de diñeiro público para esta obra”.

Cubillas critica que “o alcalde non sexa capaz de solucionar esta situación” e pídelle que, “se non é capaz de facelo mellor, que o deixe como estaba”. Nesta liña, recorda que os populares lle teñen demandado ao Concello “obras de saneamento integral para a zona que ofrezan unha solución definitiva”. Nese caso, “sería preciso contar cos pertinentes permisos e partida orzamentaria correspondente; pero, a pesar de ser unha promesa electoral dos socialistas, non temos coñecemento de nada ao respecto despois de tres anos e medio”.

De feito, “o alcalde asegura non contar con proxecto técnico municipal, as actas da Xunta de Goberno nas que se abordaran estas obras de canalización dun rego no núcleo de Os Baos, a notificación á CHMS para informe sectorial nin permiso, se procedese, para executar esas obras”, segundo lle ten traslado ao voceiro municipal, Santiago Cubillas.

Así se recolle na resposta que o rexedor realizaba ao popular que previamente solicitara de xeito formal esa documentación trala instalación dunhas tubaxes na canle de auga existente a carón da pista o 27 de setembro e da súa posterior retirada ao día seguinte “sen explicacións ao respecto”. Nese sentido, Cubillas lamenta que “o rexedor gaste cartos públicos poñendo e quitando tubaxes causando, ademais, prexuízos aos veciños da zona. Esa non é a xestión que se merecen os veciños e veciñas de Láncara”, asegura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com